sábado, 17 de outubro de 2015

ORIXE DA LINGUA GALEGA

1. Etimoloxía do galego (orixe do léxico)
O galego constituíuse como lingua, ao igual cás outras linguas románicas (castelán, catalán, italiano, etc.) no século VIII. O estrato é a base dunha lingua, é aquela variedade lingüística que dá orixe á maior parte do seu léxico, así como das súas estruturas sintácticas e gramaticais. No caso do  galego, a lingua de estrato é o latín, que foi introducido na Península Ibérica coa romanización a partir do século I (d.C.).
Pero tamén hai palabras máis antigas procedentes dos pobos prerromanos (lígures e celtas fundamentalmente), e outras posteriores que achegaron os pobos que viñeron despois da caída do Imperio Romano (principalmente xermanos e árabes).

  • 1.1. Elementos de substrato

As pegadas das linguas anteriores ao latín que chegaron até o galego de hoxe denomínanse elementos de substrato. O substrato divídese en dúas familias.

  1.  Linguas preindoeuropeas: son as máis antigas, e teñen a súa orixe nos sistemas de comunicación da idade de pedra.
  2.  Linguas indoeuropeas: trátase de linguas máis recentes, que nos deixaron algunhas palabras relacionadas cos pobos celtas. Destas linguas proceden moitas palabras comúns referidas a plantas e animais (carballo, amieiro, bidueiro, rodaballo, etc.), relacionados coa vida doméstica e agrícola (cabana, cabazo, carro, gándara, veiga, billa, burato, berce, etc.) e topónimos(Barallobre, Sillobre, Sar, etc.).


  • 1.2. Elementos de superestrato

Despois de caer o Imperio Romano, polo territorio galego pasaron diversos pobos que, sen chegar a substituír o latín, deixaron palabras, nomes de persoa e de lugar, sufixos, etc. Son estes elementos incorporados á nosa lingua despois da romanización os que reciben o nome de superestrato. Os principais que ten o léxico galego son o xermánico e o árabe.

  • • Xermánico: produciuse durante os reinos suevo e visigodo, ao longo dos séculos V, VI e VII. Deixou restos en diversos terreos:

– Na onomásticaAfonso, Alberte, Elvira, Gonzalo, Henrique
– Na toponimia: presentan as terminacións específicas seguintes: -arBaltar, Gondomar -mil:Amil, Samil, Castromil -riz / -ris :Allariz, Guitiriz, Mondariz, Aldarís -monde / -munde:Baamonde, Rocamonde, Sismundi -rei / -ei: Forcarei, Guimarei  -áns / -ás / -anGoián, Bertamiráns, Ramirás
-ulfe / -ufe / -oufeRandulfe, Adoufe

 No léxico común: palabras de uso cotiá e tamén relacionadas coa actividade guerreira:guerra, agasallar, pote, bando, xardín, falcatrúa, frecha, gabarse, gañar, roubar, helmo, laverca.

  • • Árabeintroduciuse na lingua a partir do século VIII e, en moitos casos, penetrou no galego a través do castelán ou do portugués, xa que o contacto directo do pobo árabe con Galicia foi moi escaso. De todos xeitos, quedaron elementos de superestrato árabe.

– Na Toponimia Sada A Mezquita Rábade Almuíña Atalaia
– No léxico común laranxa xinete maquía azucre arroz albanel alicerce alcalde

ORIXE DA LINGUA GALEGA

  • 1.2.1.3. Palabras patrimoniais, cultas e semicultas

Como dixemos, a maioría das palabras do galego proceden do latín, pero non todas as palabras latinas que hai no galego se introduciron do mesmo xeito. De acordo coa evolución das palabras latinas presentes na nosa lingua, distinguimos tres grupos: patrimoniais, cultas e semicultas.

Palabras patrimoniais, popularismos ou patrimonialismo: forman parte do noso léxico desde a época da colonización romana. Son as palabras máis vellas e constitúen un conxunto moi numeroso. Experimentaron todas as evolucións (fonéticas e morfolóxicas) que se produciron no paso do latín ao
galego ao longo dos séculos e de xeración en xeración. As principais transformacións son:

LATÍN GALEGO EXEMPLOS
-n-,-l- intervocálicos ø CENA > cea; MOLA > moa
[p, t, k] intervocálicos [b, d, g] LUPU > lobo; FOCU > fogo
pl-, fl-, cl- iniciais ch- PLUVIA > chuvia; FLAMMA > chama
-ct- -it- TECTU > teito; LACTE > leite

Exemplos:
cheo que vén do latín PLENUM
enteiro que vén do latín INTEGRUM
ollo que vén do latín OCULUM
leite que vén do latín LACTEM
orella que vén do latín AURICULAM

Palabras cultas ou cultismos, tiveron unha incorporación máis tardía e
practicamente non sufriron evolución con respecto á súa forma latina orixinal.
Aparecen en rexistros cultos.
Exemplos:
pleno que vén do latín PLENUM
íntegro que vén do latín INTEGRUM
óculo que vén do latín OCULUM
lácteo que vén do latín LACTEM
aurícula que vén do latín AURICULAM

Palabras semicultas ou semicultismos, son palabras que entraron no idioma despois de que se formase e, aínda que sufriron transformacións, por ser de uso culto e, polo tanto, de escasa utilización, estas non foron tan intensas coma nas palabras patrimoniais.
Exemplos:
praga que vén do latín PLAGAM
fraco que vén do latín FLACCUM

Ao existiren palabras cultas, semicultas e patrimoniais derivadas da mesma base latina, orixínanse familias léxicas irregulares:
NOITE > noitiña, anoitecer, nocturna, noctámbulo, nocturnidade, etc.
LÚA > luar, luada, lunar, lunático, aluaxe, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario